A compra de Santa Clara ultímase cos trámites ante notario

PONTEVEDRA> A compra do convento de Santa Clara polo concello de Pontevedra estaría a piques de afrontar, por fin, a súa fase final. Segundo informan dende o concello, xa está rematada toda a tramitación e está pendente únicamente da sinatura na notaría. De feito, o desbloqueo dos 3,2 millóns de euros para a compra farase nas vindeiras horas nunha xunta de goberno extraordinaria.

Santa Clara está a piques de converterse, por fin, en propiedade do concello de Pontevedra. O convento das clarisas pasará a disposición pública nas vindeiras semanas, toda vez que o concello xa rematou os trámites administrativos.

En xunta de goberno extraordinaria o concello desbloqueou os 3,2 millóns de euros que ten que pagar á Orde das Clarisas para facer efectiva a compra. O seguinte paso xa se fará ante notario.

De xeito paralelo, o concello traballa para retirar os soterramentos da zona verde do complexo. A orde relixiosa xa iniciou o trámites para trasladar os restos, pero o proceso será longo e lento. O primeiro paso foi solicitar o cese dos soterramentos para despois pedir a clausura do cemiterio.

Aínda que se fala das quince lápidas que hai na finca, a solicitude oficial  de exhumación apunta a que poderían existir entre catro e cinco corpos por tumba.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí