Volve o Stock Pontevedra ó Recinto Feiral

PONTEVEDRA> A feira de oportunidades é xa unha tradición na Boa Vila. Este ano a organización espera superar todos os récords obtidos en edicións anteriores e confía en que ao longo do fin de semana se acheguen ata o Recinto Feiral unhas 20 mil persoas.

Volve o Stock Pontevedra. Unha feira onde os comerciantes da cidade exporán a súa oferta de oportunidades. A organización agarda que o Recinto Feiral se ateigue de xente coma todos os anos.

Nesta décimo sexta edición, o Recinto Feiral contará con total ocupación grazas ás 70 empresas que expoñen, dende hoxe ata o domingo, as súas ofertas.

Os comerciantes da cidade acoden á feira co obxectivo de liquidar os seus produtos ao mellor prezo. E moitos, repiten.

A feira, impulsada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental, recolle variedade de produtos de diferentes sectores, dende téxtil, peletería e calzado ata decoración e antigüidades.

Para colaborar cos custes do evento, a entrada ten un prezo de 1,50 euros. O horario de apertura da feira é de 11.00 a 21.00 horas.