Menos peixe e poucos clientes: o temporal tamén afecta ás prazas de abastos

O GROVE> O temporal tamén se nota nas peixerías das prazas de abastos. Nunha xornada como a de hoxe, de mal tempo, hai menos variedade onde escoller. Con todo, o que máis botan de menos nos mercados son clientes que se animen a saír da casa para mercar produto fresco. Nós hoxe demos unha volta pola praza do Grove.

Ao mal tempo non queda outra que poñerlle boa cara. Nas prazas de abasto as inclemencias meteorolóxicas afectan, sobre todo, á caixa rexistradora. Para mercar hai onde escoller, pero o que faltan son clientes. Seica nun día como o de hoxe, marcado pola chuvia e o vento, a maioría da xente opta por tirar doutros produtos á hora de face-lo xantar ou a cea. Todo sexa por non saír da casa.

E peixe, dende logo, hai. Na praza de abastos do Grove hoxe non había tanto como de costume, aínda que tivemos onde escoller.

No porto meco, onte os barcos saíron faenar, pero hoxe optaron por quedar amarrados ante o aviso vermello na costa.

Así que con este panorama, o único que nos queda é convidalos a que mañá poñan as botas e abran o paraugas e que se acheguen ata a súa praza de abastos. Dende logo, con chuvia ou sen ela, non atoparán mellor lugar para merca-lo mellor produto dos nosos mares.