O GROVE> Os humidais son espazos de biodiversidade, moi ameazados pola acción do ser humano. Mañá celebran o seu día mundial. En Galicia hai cinco: o máis importante é o do Umia-O Grove, tanto pola súa extensión como pola súa preservación. Aproveitando esta conmemoración, esta mañá a Conselleira de Medio Ambiente visitou a Aula da Natureza da Siradella para coñece-lo traballo que alí se fai.
Son espazos tan únicos como ameazados. Os humidais son fonte de riqueza natural e paisaxística. A súa preservación choca, moitas veces, cos intereses económicos do ser humano. En Galicia hai 5 espazos deste tipo. O máis importante é o complexo Umia-O Grove.
Para conmemorar esta data, a Conselleira visitou hoxe a Aula da Natureza da Siradella, un miradoiro natural cara a riqueza medioambiental da zona. Neste espazo acometéronse nos últimos anos algunhas melloras por parte da Xunta, como a creación de sendas peonís de madeira. Ángeles Vázquez entende que o seu estado de conservación, así como do resto de humidais galegos, non é malo.
O complexo intermareal Umia-O Grove celebra este ano o seu trinta aniversario dende a súa inclusión na lista Ramsar de zonas húmidas protexidas. Un recoñecemento que agora a Xunta quere conseguir para as Illas Atlánticas.
Na nosa contorna, outro dos humidais recoñecidos na lista Ramsar é o conformado polas praias, lagoa e dunas de Corrubedo, en Ribeira.