BOIRO> O alcalde, Xosé Ramón Romero, e a edil de Deportes, Dores Torrado, informaron esta mañá dunha nova actuación no complexo deportivo da Cachada. Neste caso trataríase da renovación integral dos baños e vestiarios da instalación.
O presuposto desta actuación ascende a uns 276 mil euros, que o Concello pretende acometer cunha achega solicitada para tal fin á Deputación da Coruña por un importe duns 150 mil.
O alcalde aproveitou tamén a visita para facer balance das numerosas actuacións realizadas durante os últimos anos no complexo deportivo de cara a mellorar as numerosas deficiencias que presentaban as instalacións por un importe duns 200 mil euros.
Sen querer falar aínda de prazos, o Concello traballa agora coa vista posta en poder reabrir canto antes as instalacións, iso si, nunhas condicións óptimas.
Mentres tanto danse os pasos tamén na tramitación da súa futura xestión, que todo apunta a que iría encamiñada cara unha administración mixta do Concello con algún dos clubs que actualmente empregan as instalacións.