Xosé Manuel Bretal toma posesión coma novo xefe da Policía Local de Ribeira

RIBEIRA> Este martes tiña lugar o acto oficial de toma de posesión do seu cargo. Un acto que se desenvolveu no salón de plenos do Concello e estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruíz. Á toma de posesión asistiron tamén membros da corporación municipal, así como familiares, amigos e compañeiros do novo inspector.

Este é o momento no que Xosé Manuel Bretal Laranga prometía o seu cargo coma novo xefe da Policía Local. O novo inspector asumirá, dende hoxe, a xefatura do corpo da Policía local de Ribeira en substitución de Pedro Fernández, quen ocupou durante estes últimos anos a xefatura, e que acaba de xubilarse

Este axente, de 55 anos e natural da parroquia de Oleiros, leva máis de vinte e cinco anos formando parte deste corpo. No seu discurso aludiu a que asume este novo reto con responsabilidade e ilusión e, sobre todo con moitas ganas de traballar.

O alcalde Manuel Ruíz desexóulle os maiores éxitos, xa que, segundo el, serán os éxitos de todo o pobo.

Ó remate do acto o novo inspector recibiu as felicitacións, primeiro da súa familia, e despois de compañeiros e amigos que non quixeron perderse tampouco este momento.