O concello pide paciencia aos veciños coas obras do Campo da Feira

MEIS> Descontento en Meis polos traballos que se están a realizar no entorno da praza de España. Veciños e propietarios de negocios da zona aseguran que a reforma non se está a realizar segundo o pactado, e critican o corte de rúas e a falta de sinalización dos desvíos. Dende o concello, o alcalde descúlpase e pide paciencia, e asegura que os esforzos deste momento pagarán a pena cando as obras estean rematadas.

As obras para reformar a praza de España de Meis xa están en marcha. A semana pasada os traballos obrigaron a cortar a rúa que une o Campo da Feira coa Avenida de Cambados; medida que non gustou aos veciños da contorna que xa levaron o seu descontento ao concello. Segundo o alcalde, os plans iniciais do concello tiveron que mudar por cuestións técnicas e de seguridade.

Outra das cuestións criticada polos veciños é a falta de sinalización de alternativas. A día de hoxe, só se atopan letreiros que indican que as rúas están pechadas, pero non ofrecen ningunha alternativa para poder circular pola contorna do Campo da Feira.

A pesares de que son conscientes das dificultades e dos prexuízos que supoñen este tipo de traballos, dende o concello piden aos veciños paciencia, e aseguran que todo pagará a pena unha vez a reforma da praza de España estea completamente rematada.

Segundo os cálculos iniciais do executivo, haberá que agardar entre un mes e medio e dous meses para ver as obras rematadas.