PONTEVEDRA> Miguel Anxo Fernández Lores, non dubida. Está disposto a volver presentarse como candidato á alcaldía de Pontevedra polo BNG no 2027. Cando o mandato acada o seu ecuador, o rexedor asegura que se atopa no seu mellor momento. Tamén está convencido de que o actual será o seu mandato máis frutífero á fronte da capital pontevedresa.
A piques de acadar o ecuador do seu sétimo mandato, o alcalde de Pontevedra despexa calquera dúbida sobre o seu futuro: repetirá como candidato do BNG no 2027.
Deste xeito, Miguel Anxo Fernández Lores reafirma o compromiso co proxecto que antes das eleccións do 2023 dixera que o BNG ten para a cidade, e para o que marcou un horizonte de 8 a 10 anos.
O novo contrato de residuos, o parque da Parda, a renaturalización do Gafos, o futuro edificio de emerxencias na parcela de Fenosa ou a nova vía de Mollavao, son algúns dos proxectos que verán a luz proximamente. Así as cousas, Fernández Lores destacou a proposta que o seu goberno ten para Monte Porreiro.
Sobre a oposición, o alcalde agradeceu a boa sintonía que nos últimos tempos está a manter o goberno co Partido Socialista. Non así co Partido Popular.
En canto ás relacións con outras administracións, Fernández Lores lamentou especialmente a falta de entendemento coa Deputación de Pontevedra.
Para celebrar e facer balance destes dous anos de mandato, o BNG prepara un acto político en Pontevedra aberto á cidadanía. Será o vindeiro 22 de maio na Sala Zennet, ás 8 e media da tarde. Asistirá, entre outros cargos do partido a nivel local, a voceira nacional Ana Pontón.