PONTEVEDRA> Luis López xa é oficialmente presidente do Partido Popular da Provincia de Pontevedra. A súa candidatura, a única que concorreu ao congreso provincial celebrado o sábado, conseguiu máis dun 97% dos apoios. Agora comeza un período no que o obxectivo está claro: conquistar máis alcaldías nas eleccións municipais do 2023.
Dende o pasado sábado, o Partido Popular da provincia de Pontevedra xa ten un novo líder. Con máis do 97% dos votos, Luis López foi escollido novo presidente da formación.
A súa foi a única candidatura que se presentou ao congreso que se celebrou en Vigo para substituír a Alfonso Rueda, despois de que deixara o cargo para asumir a presidencia do Partido Popular de Galicia.
López non dubida ao sinalar o principal obxectivo que se marca neste arranque do se u mandato: conseguir mellores resultados nas eleccións municipais do 2023.
Na dirección do PP pontevedrés, López estará acompañado pola exalcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, como secretaria xeral, a concelleira en Pontevedra, Pepa Pardo, que será a súa vicesecretaria de organización e o tenente de alcalde de Vilanova, Javier Tourís, como vicesecretario de Acción Electoral.
O presidente do PP local de Pontevedra tamén figura entre os cargos da dirección provincial. Rafa Domínguez foi escollido por López para ocupar unha das vicepresidencias.