PONTEVEDRA> A Asociación Pedaladas levará a cabo unha marcha ciclista este domingo co obxectivo de fomentar e reclamar o uso da bicicleta como medio de transporte na cidade.
A marcha ciclista organizada para este domingo , coñecida como “bicifestación”, pretende fomentar o uso normalizado da bicicleta, sen importar a idade e a condición física dos usuarios, así como unha maior liberdade de circulación pola cidade.
Dende a Asociación Pedaladas contan con que a participación sexa numerosa, xa que se trata dun percorrido de carácter familiar no que se dará a volta a toda a cidade.
Unha das melloras que propón a Asociación é a necesidade de establecer unha rede ciclista dentro da cidade, de tal forma que se creen máis carrís bici que permitan unha circulación máis fluída, así como a mellora da comunicación con outras zonas limítrofes de Pontevedra.
Polo tanto, con esta iniciativa, procúrase a mobilización da cidadanía a favor do uso cotián da bicicleta como medio de transporte na Boa Vila.











