O Garaxe Hermético publica o cómic Intraterra

PONTEVEDRA> O alumnado de Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración, O Garaxe Hermético, presentou o seu décimo cómic, Intraterra, no Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra.

O cómic creado por 25 alumnos do Garaxe Hermético relata a historia da comunidade do BÚNKER 0018, situado na Tundra Rusa, que vive en conmoción por un asasinato. Os creadores traballaron conxuntamente procurando manter a esencia e a estética da historia.

O director, Kiko da Silva, valorou moi positivamente o feito de que a Deputación lle dea a oportunidade aos xóvenes que se están formando de ter unha obra publicada. Ademais, aproveitou esta circunstancia, para amosar o seu descontento con organismos como Agadic ou a propia Xunta de Galicia que actualmente non contemplan ningún plan de apoio nin axuda á creación, promoción, nin visibilidade para os autores de banda deseñada en Galicia.

A día de hoxe, na nosa Comunidade existe un gran número de autores e creadoras. Aínda así, non existe ningunha industria nin tecido empresarial que os ampare. Moitos deles están triunfando fóra das nosas fronteiras a nivel nacional e internacional, e sen embargo, aquí carecen de apoios.

Pensar na normalidade dentro da globalidade, intentar dar produtos de calidade para todas as idades e facer que sexa máis accesible, son os piares fundamentais para a creación dunha industria cultural onde ilustradores, deseñadores, debuxantes e guionistas, entre outros, teñan cabida.

 

Comments are closed.