A ILLA> A Illa de Arousa aplicará restricións no tráfico nas rúas do casco máis urbano do municipio. Serán un total de 45 rúas e unha superficie de máis de 200 mil metros cadrados pola que só poderán circular os residentes no concello ou as persoas que teñan un permiso especial. A medida comezará a implantarse o vindeiro luns e estará totalmente operativa a partires do 15 de xuño.
A Illa de Arousa toma medidas para aliviar os problemas de tráfico que padecen os seus residentes. O concello vén de delimitar un casco urbano no que o acceso dos vehículos estará restrinxido.
Esta zona residencial engloba 45 rúas e unha superficie de máis de 200.000 metros cadrados. As restricións non afectarán en ningún caso aos residentes na Illa de Arousa.
No caso dos non residentes para acceder a esta zona terán que ter algún permiso especial. Faranse excepcións coas persoas que traballen no concello pero non vivan nel, coas tarefas de cara ou descarga ou cos clientes dos hoteis, que terán que comunicar as matrículas dos vehículos á Policía Loca. Outra excepción serán os clientes do comercio local.
O concello tamén contempla outras excepcións nas que permitir o acceso pero sempre será necesario comunicalo na Policía Local. O acceso controlarase mediante lectores de matrículas.
A vindeira semana comezarán os traballos de instalación dos lectores de matrículas e da sinalización. Tamén a campaña informativa para dar a coñecer as novas medidas. A intención do goberno local é comezar a aplicar por completo a norma a partires do 15 de xuño. A partires de entón, os vehículos que non cumpran serán sancionados con 200 euros.











