PONTEVEDRA > O candidato popular á alcaldía en Pontevedra, Rafa Domínguez, propón eliminar os contedores instalados diante da fachada de comercios e vivendas para poñer en marcha un novo modelo de recollida de lixo.
O candidato popular á alcaldía en Pontevedra amosou o seu desacordo co presente uso da xestión de residuos na cidade, xa que, segundo Rafa Domínguez, o plan actual non acada os obxectivos que se esperaban.
Domínguez afirma que a inversión no novo modelo, en comparación coa xestión da compostaxe nestes momentos, é ínfima. Ademais, o presidente popular de Pontevedra, reprochoulle ao goberno de Lores o gasto de case un millón e medio de euros nun proxecto que considera fracasado e improvisado.
O plan proposto polo partido popular baséase na retirada dos composteiros comunitarios ubicados na zona comercial e na implantación dun programa de recollida porta a porta, que aseguran: é máis económico, ecolóxico e sustentable.
O programa implicará a redución do 25% no recibo do lixo en zona urbana daquelas comunidades veciñais que se impliquen activamente e, no caso do rural, propón un incremento da frecuencia de recollida de residuos, que nestes momentos é insuficiente.
O obxectivo é facer de Pontevedra unha cidade limpa, a favor da reciclaxe e á vangarda na cuestión da compostaxe, como xa ocorre noutras cidades españolas e europeas.