RIBEIRA> O BNG de Ribeira propón que se habiliten liñas de transporte público para acudir as praias durante o verán. Evitaríase así a masificación en areais como O Vilar ou A Ladeira onde se concentran numerosos vehículos ocupando espazos non destinados ó estacionamento.
Dentro das súas propostas sobre mobilidade urbana, os nacionalistas de Ribeira demandan liñas de transporte público durante o verán que conecten o casco urbano coas praias. Ademais de habilitar unha ruta específica demandan a realización dun estudo para mellorar as frecuencias e adaptar os itinerarios das actuais liñas de Aguiño, Corrubedo e Palmeira que pasan por algunhas das praias máis transitadas.
Cunha oferta de transporte público, reduciríase o número de vehículos que se concentran nos areais evitando así os danos que ocasionan en zonas de especial protección como son a contorna do Vilar e da Ladeira.
Na actualidade, é frecuente a concentración de vehículos enriba das beirarrúas e mesmo invadindo a estrada dado o limitado dos espazos para o estacionamento nestas zonas.
Comments are closed.