A confraría da Pobra insta á Xunta a habilitar unha partida de emerxencia ante a crise no marisqueo

A POBRA> Ó igual que noutras moitas confrarías da ría de Arousa, a situación na Pobra é crítica. A caída de ingresos procedentes do marisqueo deixou ó pósito en números vermellos. Aínda que xa están inmersos nun ERE dende hai máis dun ano, non descartan ter que tomar outras medidas máis drásticas se a situación non mellora.

Con preto dun cento de socios e unha alta dependencia do marisqueo, a confraría da Pobra está a facer malabarismos para sobrevivir. A caída de ingresos derivada da perda de produtividade dos bancos ten á entidade ó borde do peche, cos consecuentes prexuízos para as numerosas economías que dependen desta actividade.

Cansos xa de petar en tódalas portas, dende o cabildo reclaman unha implicación real das administracións, especialmente da Consellería do Mar, a quen demandan que habilite unha partida de emerxencia para garantir o mantemento da actividade das confrarías e dos mariscadores.

Rosa é unha das afectadas. Con 60 anos e dificultades para acceder a outra actividade que lle asegure permanecer activa no mercado laboral ata a súa xubilación, sobrevive cun salario que apenas lle dá para vivir.