Un camión sáese da vía e acaba ardendo na ponte de Cabrais

LOUSAME> Espectacular accidente o que se rexistraba esta mañá na estrada provincial que une Boiro con Noia. Un camión cargado de grava saíuse da vía e precipitouse abaixo da ponte de Cabrais, no lugar de Tállara, no concello de Lousame. Milagrosamente o condutor, e único ocupante do vehículo, logrou saír polo seu propio pé do camión, momentos antes de que prendera lume na cabina.

O suceso producíase ó redor das nove e vinte desta mañá, na ponte dos Cabrais, en Tállara, no concello de Lousame, na estrada DP-1.105 que une Boiro con Noia. Un camión que transportaba grava saíuse da vía, precipitándose abaixo da ponte. Por fortuna o condutor, único ocupante do vehículo, un mozo veciño de Boiro duns trinta anos, puido saír polo seu propio pé do interior da cabina, momentos antes de que prendera lume.

Ata o lugar desprazouse tamén unha ambulancia do 061, que trasladou ó condutor ó Hospital Clínico de Santiago, con diversos politraumatismos, aínda que o seu estado, aparentemente non revertía gravidade.

A Garda Civil de Tráfico investiga agora as posibles causas do accidente, aínda que todo apunta a que se debeu a un fallo mecánico no camión.

Para a retirada do camión foi necesario tamén trasladar ó lugar un guindastre de grandes dimensións, pechando ó tráfico a estrada na zona da ponte durante varias horas, desviándose a circulación por un vial anexo, o que provocou algunha que outra retención.