Vilagarcía amosará a súa cara máis solidaria na V Carreira Ladesol

VILAGARCÍA> Vilagarcía volverá tecer os seus lazos de solidariedade. O vindeiro 24 de marzo a vila acollerá a quinta edición da carreira Ladesol, organizada polo colexio San Francisco. Unha vez máis, a intención é recadar cartos para Angola, que desta volta se destinarán ao equipamento dunha biblioteca.

O vindeiro 24 de marzo Vilagarcía volverá locer a súa cara máis solidaria. Farao na quinta edición da carreira Ladesol, unha cita organizada polo colexio San Francisco.

A proba está pensada para que participen persoas de todas as idades. Arrincarán o domingo 24 ás 10 da mañá dende a Avenida da Mariña. Pola súa banda, a saída da andaina será detrás dos cines da zona TIR. Os circuítos variarán entre os 100 metros aos 10 quilómetros en función da categoría no caso das carreiras. Para a andaina, o percorrido será de 4 quilómetros e medio.

A inscrición ten un custo de 6 euros para os adultos e de 3 para os máis cativos. Toda a recadación destinarase de xeito íntegro a dotar de libros a biblioteca dunha escola construída en Angola pola Fundación Lazos de Solidariedade.

A proba conta coa colaboración do concello de Vilagarcía e da Deputación de Pontevedra, e está apadriñada polos deportistas Esther Pedrosa e José Vázquez.

Comments are closed.