O incremento de casos sitúa a Cambados ás portas do nivel alto

CAMBADOS>  En Cambados está preocupados polo aumento dos casos, que seguen indo a máis. Hoxe rexístranse 39 positivos, o que fai disparar a incidencia por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes. Detrás dos novos contaxios, segundo o concelleiro de Sanidade, celebracións familiares, vodas, comuñóns e as festas de San Xoán. Tino Cordal advirte dun incremento dos controis policiais para que se cumpra a normativa. Ademais, non descarta que o concello acabe pasando esta mesma semana ao nivel alto de restricións.

As cousas non van ben en Cambados. A vila rexistra xa 39 casos activos, 6 máis ca onte, disparando a incidencia acumulada por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes. No concello cren que se a cousa segue por este camiño, acabarán pasando ao nivel alto de restricións.

O perfil dos contaxiados é, sobre todo, de persoas de entre 30 a 40 anos, seguidos dos de 20 a 29. Detrás deste incremento de casos, di Tino Cordal, están os eventos familiares e festexos. Porque, segundo di, neses eventos estase producindo unha relaxación das medidas.

Así que advirte dun incremento dos controis por parte da Policía Local nos establecementos onde se celebran ese tipo de celebracións. Nesta pasada fin de semana xa visitaron varios e anuncia máis, en colaboración tamén coa Garda Civil.

E indica tamén que, de seguir así, moitos dos concertos programados para as vindeiras semanas, dentro das actividades do Albariño, terán que ser suspendidos ou pospostos.