O Concello construirá un novo aparcamento disuasorio

PONTEVEDRA> Pontevedra podería contar proximamente cun novo aparcamento disuasorio. Os técnicos municipais están elaborando un anteproxecto para abrir un parking no entorno das Marismas de Alba e que tería acceso pola rúa Martín Códax. O Concello precisa a autorización do Servizo Provincial de Costas para continuar con esta iniciativa.

O Concello de Pontevedra está elaborando un anteproxecto para abrir un novo aparcamento disuasorio que tería acceso pola rúa Martín Códax, así o anunciou esta mañá o concelleiro de Obras e Mobilidade. Os técnicos municipais están traballando nesta iniciativa co obxectivo de que o Servizo Provincial de Costas o autorice. De momento descoñécese o número de prazas que tería o aparcamento.

O goberno municipal quere tamén mellorar as condicións doutros aparcamentos da cidade, como o que está fronte o Pavillón de Deportes. Demetrio Gómez asegurou que os técnicos municipais están elaborando un anteproxecto para canalizar as augas pluviais desta zona. Por outra banda, o Concello quere solucionar os problemas que se atopan no parking de Mollavao. Para iso, traballará na desafectación do terreo, ampliará o espazo de estacionamento e limitará o lugar establecido para o circo.

Outro dos lugares onde actuará o Concello será nos Praceres, onde se construirá o Parque da Dignidade para poñer en valor esta zona.

O goberno local está elaborando estes anteproxectos para poder presentalos a Costas canto antes, e, se fosen autorizados, pasaría a contratarse a súa execución.