O PP reclama un PETC-TAC para o Gran Montecelo que permita pechar ‘o ciclo oncolóxico’ en Pontevedra

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra reclama un novo equipamento para o Gran Montecelo. Hoxe Rafa Domínguez defendeu a necesidade de dotar o hospital dun PET-TAC, un dispositivo que cada vez se emprega máis para os diagnósticos de cancro. Segundo o voceiro popular, médico de profesión, permitiría pechar o círculo oncolóxico en Pontevedra.  Domínguez asegura que xa trasladou a petición á Consellería de Sanidade.

O Partido Popular de Pontevedra fai as súas propias demandas para o Gran Montecelo. Hoxe Rafa Domínguez reclamou que se dote o novo hospital dun PET-TAC, un dispositivo cada vez máis empregado sobre todo nos diagnósticos de cancro.

Segundo Domínguez, médico de profesión, este equipamento permitiría que os pacientes oncolóxicos puideran realizar todo o procedemento no Gran Montecelo. Tendo en conta ademais que o novo hospital si contará cun servizo de Radioterapia que, segundo a Xunta, evitará o desprazamento de 500 pacientes ao ano a Vigo para tratarse.

A día de hoxe o PET-TAC está dispoñible nas áreas sanitarias da Coruña, de Santiago e de Vigo. Cos novos anuncios da Consellería de Sanidade para Lugo e Ourense, só non o habería nas de Ferrol e Pontevedra.

O PP de Pontevedra reclama tamén que o Gran Montecelo conte con, alomenos, o mesmo número de prazas públicas de aparcadoiro que ten o actual hospital, coñecer canto antes o uso que se vai dar ao edificio do Hospital Provincial e que vai suceder co centro de especialidades de Mollabao.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí