As mulleres columnistas reivindican a igualdade no xornalismo

PONTEVEDRA> O foro máis reivindicativo de Pontevedra xa está no Teatro Principal.  “As mulleres que opinan son perigosas” volve na súa segunda edición con máis forza e ilusión, e o fai con grandes xornalistas que queren reivindicar a presenza das mulleres columnistas nun sector no que segue sen haber igualdade.

O xornalismo segue sendo un sector no que hai máis presenza de homes que de mulleres, e no xénero de opinión, esta diferenza faise aínda maior. Por iso, é tan importante que se volva a celebrar un foro como “As mulleres que opinan son perigosas”. Nesta segunda edición, o encontro acollerá a quince invitadas moi coñecidas en todo o país polo traballo que fan diariamente co obxectivo de reivindicar o papel das mulleres neste sector.

Na inauguración deste encontro de mulleres columnistas participaron a presidenta da Deputación e o alcalde da Boa Vila que, xunto coas xornalistas Diana López e Susana Pedreira, analizaron os cambios que se produciron na sociedade grazas ás mulleres que saíron a rúa o último 8 de marzo.

A presidenta e o alcalde falaron tamén de temas de actualidade, como o feito de que o autobús do colectivo Hazte Oír que se dirixe as feministas como “feminazis” e que conta co lema “Non é violencia de xénero, é violencia doméstica” queira instalarse na praza de España.

Por este foro pasaron hoxe grandes xornalistas como Pepa Bueno, Ana Romaní, Gemma Herrero ou Ana Requena Aguilar. Mañá será o turno de Irene Bascoy, Tati Moyano ou Marta Sanz, entre outras moitas mulleres, que se subirán o escenario do Teatro Principal para facer o que mellor saben, que é dar a súa opinión.