PONTEVEDRA> O Museo de Pontevedra atopa, entre os seus fondos, dúas obras procedentes dun espolio nazi en Polonia. Trátase dun díptico formado por unha “dolorosa” e un “ecce homo” do século XV. Tras este descubrimento, a institución pontevedresa asegurou que devolverá estas dúas obras ao seu país de orixe.
Estes son os dous cadros que o Museo de Pontevedra acaba de atopar entre os seus fondos e que foron espoliados en Polonia durante a ocupación nazi da II Guerra Mundial. Un díptico formado por unha “dolorosa” e un “ecce homo” atribuído ao pintor holandés Dieric Bouts e que pertencía á colección da familia Czartoryski.
As alertas sobre a orixe destes cadros xurdiron o pasado mes de marzo, despois de que o Museo recibise unha chamada do Ministerio de Cultura polaco. As dúas obras chegaron á institución pontevedresa coa colección de José Fernández López e, ao parecer, foron adquiridos en galerías especializadas de Madrid ou Barcelona a mediados dos anos 70.
Aínda que os responsables do Museo non teñen dúbidas de que estes son os dous cadros que reclamou o Ministerio de Cultura polaco, a institución pontevedresa está á espera do informe pericial. Unha vez se confirme a súa orixe, o Museo procederá a súa devolución.
Pero antes de devolver estes cadros, o Museo quere expoñelos ao público no mes de xaneiro.