Fátima Abal non reeditaría o cuatripartito nas condicións actuais tralo 26 de maio

CAMBADOS> Fátima Abal non reeditaría o cuatripartito nas condicións actuais. Así o asegurou a rexedora cambadesa na presentación oficial da súa candidatura polo Partido Socialista. Abal explicou que non é a mesma que no 2015; unha madurez política que a levaría a marcar máis liñas vermellas á hora de negociar o pacto de goberno. Hoxe compareceu acompañada dos seus número 2 e 3: Samuel Lago e Mari Cruz Leiro.

Fátima Abal confirmouse esta mañá como a candidata do Partido Socialista para as eleccións municipais do 26 de maio. A actual alcaldesa optará a revalidar o cargo que ostenta na actualidade. Confía nas súas posibilidades aínda que advirte que non reeditaría o pacto de goberno nas mesmas condicións que no 2015.

A estabilidade do executivo, asegura, sería unha das súas liñas vermellas á hora de buscar socios de goberno entre as formacións de esquerda. Tamén mudaría a súa actitude coa oposición.

A pesares das dúbidas que en ocasións lle provocaron estes ataques, asegura que ten a conciencia tranquila e que a fixeron máis forte para afrontar esta nova convocatoria electoral.

Esta mañá xunto a ela compareceron os que serán os primeiros da súa candidatura. Samuel Lago, enxeñeiro técnico agrícola e secretario de organización de Unións Agrarias será o número 2. María Cruz Leiro, a número 3, xa fora nas listas do PSOE no 2015 e na actualidade é secretaria de organización do partido.

Milagros Martínez, actual concelleira de Turismo, ocupará o quinto posto da candidatura. O resto de nomes que acompañarán a Fátima Abal daranse a coñecer nun acto o 6 de abril.