BOIRO> A Garda Civil de Boiro detivo a un veciño de Porto do Son como presunto autor de varios delitos de estafa continuada. Os feitos tiveron lugar en diversos establecementos das provincias da Coruña e Pontevedra entre novembro de 2024 e xaneiro de 2025.
A investigación, enmarcada na operación BonnPay, iniciouse a raíz de varias denuncias presentadas por propietarios de establecementos comerciais. En todos eles, o agora detido utilizaba o mesmo modus operandi: solicitaba unha tarxeta de pago PAYSAFECARD, un sistema baseado en códigos prepago con valores de entre 50 e 150 euros. Fotografaba os códigos co seu móbil, achegando o terminal co pretexto de realizar o pago.
Sen embargo, a operación non chegaba a completarse. O autor dos feitos alegaba entón algún problema técnico e prometía ós comerciantes volver para realizar o pago en efectivo, algo que nunca sucedía. Cando estes tentaban anular a operación era imposible posto que o saldo xa fora canxeado de xeito inmediato.
A declaración dos propietarios dos negocios e as imaxes das cámaras de vixilancia permitiron deter esta semana ó sospeitoso que conta con numerosos antecedentes penais por estafas similares. Mentres o presunto autor xa pasou a disposición do Xulgado de Ribeira,a Garda Civil mantén aberta a investigación ante a posibilidade de que existan novas vítimas que aínda non presentaran denuncia.
Polo momento, se lle atribúe a autoría dunha decena de estafas en estancos, gasolineiras, librerías e mesmo puntos de venda da ONCE en concellos como Boiro, Rianxo ou Vilagarcía entre outros.