Ravella felicita á biblioteca do Castro Alobre polo premio por ‘Rescatando Culturas’

VILAGARCÍA> “Rescatando Culturas”. Este é o nome do proxecto que lle valeu ao instituto vilagarcián Castro Alobre o premio a nivel nacional do Consello de Cooperación Bibliotecaria. O mes pasado, os responsables da súa posta en marcha recollían o galardón en Madrid. Hoxe, o concello quixo trasladarlles a súa felicitación.

O proxecto “Rescatando Culturas” segue a dar alegrías ao instituto vilagarcián Castro Alobre. O mes pasado, o centro recollía en Madrid o premio nacional do Consello de Cooperación Bibliotecaria por esta iniciativa, que busca achegar aos alumnos ás realidades doutras culturas.

“Rescatando Culturas” naceu na biblioteca, pero nel participaron boa parte do profesorado e o alumnado. Todos estiveron implicados nas actividades que se desenvolveron ao seu abeiro.

Hoxe o Castro Alobre recibía o recoñecemento na súa vila. O concello de Vilagarcía felicitou ao equipo que coordinou o proxecto que lles valeu este recoñecemento.

Aínda que este é o primeiro premio que reciben a nivel estatal, os proxectos da biblioteca do Castro Alobre xa conseguiran varios galardóns. Nos dous cursos anteriores, as súas propostas “As Bibliolimpiadas” no 2015-2016 e “Descubrimentos e inventos”, en 2016-2017, xa lles valeron recoñecementos a nivel autonómico.