Ahituvi pide desculpas polo malentendido na folga de Vilagarcía e convoca unha asemblea para que os socios escollan unha nova directiva

VILAGARCIA> A asociación de hostaleiros de Vilagarcía pide desculpas pola discusión xurdida entre os manifestantes da caravana de hostaleiros do Salnés contra os negocios vilagarciáns que estaban aberto. Dende Ahituvi asumen a culpa por non informar ben dos horarios a ambas partes. A directiva convocou unha asemblea na que poñerán os seus cargos a debate.

Os hostaleiros do Salnés afectados polos novas restricións convocaron onte unha caravana para percorrer as vilas como mostra de desconformidade. A manifestación comezou na Illa de Arousa e desprazouse polo centro de Vilanova ata Vilagarcía. Ao chegar á capital do Salnés, os manifestantes baixaron dos seus vehículos para continuar coa mobilización a pé. Ao percorrer as rúas de Vilagarcía atoparon algún establecemento aberto, o que propicio unha discusión entre manifestantes e hostaleiros.

Dende Ahituvi asumen as culpas deste malentendido. A directiva indica que non coñecía que a manifestación se desprazaría a pé pola vila e que por iso non informaron aos organizadores que algúns locais de Vilagarcía pecharían só pola tarde. O presidente da asociación lamenta o acontecido e advirte que a hostalería ten que loitar unida e non enfrontarse. A pesar da explicación, dende Ahituvi convocaron unha asemblea urxente para que os hostaleiros da vila escollan unha nova directiva.

En canto a caravana de hostaleiros do Salnés o seu apoio foi masivo. Dende a organización indican que máis de 300 persoas participaron nas mobilizacións. No caso de Vilanova, Cambados e a Illa, máis do 90% dos locais hostaleiros pecharon as súas portas como forma de protesta polas novas medidas. Tralo acontecido en Vilagarcía, a caravana continuou o seu percorrido cara Carril e posteriormente Sanxenxo para rematar en Cabmados. O obxectivo da mobilización é pedir á Xunta que flexibilice as restricións para que todo o sector poida continuar traballando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí