Rías Baixas non renuncia á promoción dos seus caldos nun Albariño ‘diferente’

CAMBADOS> Cambados queda este ano sen a súa Festa do Albariño, pero a  Denominación de Orixe Rías Baixas non renuncia á promoción dos seus caldos. Malia que os eventos máis multitudinarios quedaron suspendidos, o Consello Regulador quere manter o Túnel do Viño e a cata concurso. Dende a DO avanzan que estas actividades, nas que habitualmente participan grupos reducidos, celebraranse con tódalas garantías sanitarias.

A multitude non vai percorrer este ano o paseo da Calzaza de Cambados. A vila queda sen a súa Festa do Albariño, pero iso non impide ó Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas seguir coa súa actividade promocional. A DO mantén para este ano a cata concurso e o Túnel do viño, iniciativas que se deberán celebrar desta volta baixo estritas medidas de protección.

Dende a DO agardan que a COVID-19 non impida levar a cabo estas actividades promocionais. Unha delas, a cata concurso dos albariños de Rías Baixas, non será aberta ó público.

O Consello Regulador tamén está a traballar na organización do Túnel do Viño. Se todo vai ben celebrarase o xoves, venres e sábado da semana do Albariño. Unha actividade imprescindible que, nesta ocasión, vai precisar cita previa.

O presidente do Consello Regulador recoñece que a cancelación dos eventos multitudinarios da Festa do Albariño é un duro golpe para o sector do viño en particular, pero para Cambados en xeral, con especial impacto negativo en sectores como a hostalaría e o turismo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí