CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés arrinca a formación de soldadores no marco do seu plan Emprega Salnés. O ente puxo en marcha un curso do que se beneficiarán dez desempregados. Aseguran que o fan despois de detectar falta de profesionais nesta materia, a pesares da alta demanda das empresas.
Escoitar as empresas da contorna para detectar as súas necesidades de contratación para despois formar desempregados nesas disciplinas. Esta é a estratexia que está a seguir a Mancomunidade no seu Emprega Salnés.
Hoxe deu comezo un dos novos cursos polos que aposta a Mancomunidade: o de soldadura. Dez desempregados recibirán clases prácticas nunha empresa de carpinteiría metálica Incega, no polígono de Sete Pías.
A intención do ente comarcal é manter esta liña no seu Emprega Salnés. De feito, para o vindeiro ano plantéxanse poñer en marcha cursos de enoturismo.
Dos 85 alumnos que participaron no Emprega Salnés no 2018, 72 conseguiron un contrato de traballo. Dos cen que participan na edición deste ano, a metade xa traballaron.