Catoira retrasa o acendido das luces do Nadal para visibilizar o problema do cambio climático

CATOIRA> Catoira vai retrasa-lo acendido das luces de Nadal para visibiliza-lo seu compromiso contra o cambio climático. Coincidindo co Cumio do Clima que se está a celebrar en Madrid, a localidade secunda unha proposta da Rede Española de Cidades polo Clima. As luces vanse prende-lo vindeiro luns, o que se vai traducir nun aforro enerxético que serve, ademais, para conciencias ós veciños.

Mentres en Madrid se celebra o Cumio do Clima, en Catoira esta imaxe aínda non se produciu. O que ven gravámolo na localidade por estas datas o ano pasado, pero desta volta van mante-lo alumeado apagado aínda uns cantos días máis. A medida busca visibiliza-lo compromiso do Concello contra o cambio climático. A iniciativa á que se sumou a localidade parte da Rede Española de Cidades polo Clima.

Para o rexedor catoirense, coa emerxencia climática no primeiro plano, é tempo de actuar, non de competir entre vilas polos mellores alumeados.

A medida ten tamén unha parte económica. Ademais do evidente aforro enerxético, evitará que a débeda coa empresa adxudicataria vaia a máis.

O alumeado vaise acende-lo vindeiro luns. Polo de agora, segundo asegura o rexedor, ningún comerciante da vila amosou o seu rexeitamento ó apagón catoirense polo clima.

Ademais, no marco das accións que se inclúen na proposta da Rede Española de Cidades polo Clima, o concello comprométese a plantar “unha árbore por Europa”, para evidenciar que dende o local tamén se poden tomar medidas para os problemas globais.