A CIG considera abusivos os servizos mínimos do 100% na folga da Confraría do Grove

O GROVE> Xornada de folga na confraría de San Martiño do Grove, cuns servizos mínimos do 100%. A CIG entende que o pósito non é unha empresa esencial, polo que xa anunciou que van recorrer esta decisión. Entre tanto, o conflito segue atoado, aínda que agora co compromiso por parte da confraría de que non vai aplicar ningún tipo de ERE nin despedir a ninguén no que queda de 2020.

Hoxe foi día de folga na confraría de San Martiño do Grove pero, na práctica, non se notou. O pósito estableceu uns servizos mínimos do 100%. Unha medida que a CIG entende abusiva, ó non considerar ó pósito un servizo de primeira necesidade. A central nacionalista anunciou xa un recurso ante esta medida.

O conflito, entre tanto, continúa enquistado. A empresa di que coas secuelas da pandemia non é posible incrementa-los salarios. Con todo, comprométese a respecta-las condicións que os traballadores teñen na actualidade e a non botar a niguén no que resta de 2020.

De cara o ano que vén, o pósito ábrese a negocia-la mellora das condicións laborais, aínda que avanzando xa a súa postura.

Os traballadores, pola súa banda, reclaman que todos estes compromisos da confraría se plasmen nun documento para que, polo menos, o conflito non vaia cara a atrás.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí