VILANOVA> Vilanova é un concello coa economía saneada. Así o asegura o seu goberno local despois de que se aprobara a liquidación do orzamento do 2025. O exercicio pasado rematou para o concello vilanovés cun aforro neto de 2,5 millóns de euros e 4,5 millóns de débeda a longo prazo. De feito, o alcalde adiantou que a intención é solicitar a extinción do Plan de Saneamento que controlaba o endebedamento municipal dende o 2012. Agora a idea de Gonzalo Durán é que esta boa saúde económica se traslade aos veciños en forma de novos investimentos.
En Vilanova hai estabilidade, control e futuro. É a conclusión do goberno local tras coñecer o balance da súa situación económica. Trala liquidación orzamentaria do 2025, as arcas municipais contan cun aforro neto de máis de 2 millóns de euros. En canto á débeda, redúcese dos 6,5 aos 4,5 millóns.
O goberno local tamén reducirá o seu plan de pago a provedores, que en anos anteriores chegou a acadar os 400 días de agarda. Tamén quere que esta bonanza económica repercuta nos veciños, aínda que Durán defende que os axustes non afectaron aos grandes proxectos.
Con estes datos sobre a mesa, o concello solicitará tamén a extinción do Plan de Saneamento que controla o seu endebedamento dende o ano 2012.
O alcalde adiantou que este ano Vilanova terá novo orzamento municipal. Será o primeiro dende o 2022. Dende entón, o concello foi prorrogando unhas contas que acadaban os 7 millóns de euros. Os seus cálculos apuntan que para este 2026 serán duns 8 millóns, con máis investimentos para os veciños.











