PONTEVEDRA> Os traballadores de ENCE tamén estiveron moi presentes no pleno municipal. Aínda que os operarios non acudiron ao Teatro Principal, como si ocorreu no pleno provincial do pasado venres, hoxe volveron a ser os protagonistas. Nesta ocasión por unha moción, tamén do Partido Popular, na que se pedía ao goberno local que retirase o recurso presentado ante a Audiencia Nacional pola prórroga concedida á pasteleira.
Así comezaba o discurso do Partido Popular no pleno celebrado esta mañá. O grupo municipal liderado por Rafa Domínguez pediu ao Concello que retirase o recurso contra a prórroga concedida a ENCE.
Mentres Ciudadanos pedía ao Partido Popular que deixase actuar á xustiza, o Partido Socialista volvía a defender o traslado da fábrica como única opción de futuro.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego insistiu en que seguirán utilizando todos os recursos co obxectivo de recuperar a ría de Pontevedra. Finalmente a moción do Partido Popular soamente contou co apoio de Ciudadanos e, polo tanto, foi rexeitada pola maioría da corporación.