Ribeira volverá licitar o módulo de atletismo da Fieteira

RIBEIRA> A ampliación do complexo deportivo da Fieteira para a construción dun módulo cuberto de atletismo volverá saír a licitación. O concello de Ribeira vén de asinar a addenda ó convenio coa Xunta que permitirá contratar a actuación despois de que o procedemento inicial quedara deserto.

Nas próximas semanas, volverá saír a licitación a construción do novo módulo de atletismo na complexo deportivo da Fieteira. Foi preciso asinar unha addenda ó convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o concello de Ribeira despois de que a primeira licitación, iniciada o pasado verán, quedase deserta. O motivo foi o encarecemento sufrido polos materiais de construción polo que procedeuse a actualizar o orzamento de licitación que ascende agora a algo máis de millón e medio de euros. A Xunta financiará un millón mentres que o concello asumirá o importe restante que supón un aumento de máis de cen mil euros sobre a achega inicial que se consignará nos orzamentos de 2023.

O novo pavillón  albergará unha zona de adestramento cuberta para atletismo, mediante un módulo que conta con pista de 5 rúas, zona de saltos, lanzamentos; espazos para ximnasio, sala de musculación e actividades de tecnificación para a práctica do taekwondo. Tamén se prevé a construción de novos vestiarios, aseos e duchas e o seu equipamento; ademais das reformas de accesibilidade e acceso ó primeiro andar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí