Os traballadores de Ence anuncian máis mobilizacións

PONTEVEDRA> Os operarios de Ence seguirán mobilizándose ao longo do mes de abril para defender a continuidade da fábrica en Lourizán. Así o anunciaron esta mañá os representantes dos comités de empresa da pasteira. Os traballadores acusaron ao Partido Socialista da situación actual que están vivindo e convocaron unha manifestación en Pontevedra para o venres 26 de abril.

A mobilización dos camioneiros de Ence do pasado xoves foi soamente un adianto do que está por vir. Os representantes dos comités de empresa da fábrica anunciaron esta mañá o calendario de manifestacións previstas para o mes de abril. O primeiro acto de protesta será mañá no mitin de Pedro Sánchez en Vigo e continuará o día 24 cunha concentración diante da sede do Partido Socialista en Ferraz e cunha multitudinaria manifestación en Pontevedra o día 26.

Con estas mobilizacións, os traballadores da fábrica apuntan directamente ao Partido Socialista como o maior responsable da situación actual de Ence.

Os representantes dos comités de empresa denunciaron tamén esta mañá a actitude restritiva da subdelegada do goberno, Maica Larriba, tras intentar prohibir a caravana de transportistas do pasado xoves.

Os traballadores valoraron positivamente que a Audiencia Nacional permitise a súa incorporación en dous dos tres recursos nos que se dirime a legalidade da prórroga da pasteira e reiteraron que o traslado de fábrica non é posible. Ademais, pediron a mobilización da cidadanía na próxima manifestación do 26 de abril que sairá ás 20.00 horas dende a estación de autobuses e que atravesará o centro da cidade.