A Xunta axuda a Vilanova na compra de dous baixos incautados aos Charlíns

VILANOVA> Vilanova podería pechar a compra dos baixos das Sinas incautados aos Charlíns no prazo dun mes. Os inmobles recibiron esta mañá a visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que anunciou que a administración autonómica achegará o 80% da compra. A intención do goberno local é que acolla o arquivo municipal, así como a maquinaria de limpeza e praias. Non desbotan que tamén teña un uso social.

Dos 110.000 euros que custan os dous baixos das Sinas incautados aos Charlíns, o concello de Vilanova só terá que achegar un 20%. Do restante encargarase a Xunta de Galicia, tal e como confirmou esta mañá o vicepresidente autonómico.

Segundo os cálculos do alcalde, a compra podería estar pechada no prazo dun mes. Deste xeito, súmase unha superficie de 900 metros cadrados entre os dous inmobles, que terán usos municipais: resgardar a maquinaria de limpeza de praias, acoller o arquivo municipal e, incluso, outros usos sociais.

A primeira intención do concello era trasladar a este baixo o arquivo municipal. Isto permitiría liberar a planta superior da praza de abastos para, despois, actuar neste edificio.

Gonzalo Durán calcula que o traslado do arquivo a esta nova ubicación podería ser efectivo antes de finais do verán.