Os traballadores de ENCE cortan as saídas cara Vigo e Marín e maniféstanse polo centro de Pontevedra

PONTEVEDRA> Nova xornada de protestas, desta vez por sorpresa, dos traballadores de ENCE. A primeira hora da mañá cortaban as diferentes entradas á cidade de Pontevedra, nas estradas que a unen con Marín e con Vigo. Nas rotondas formaron barricadas con neumáticos ardendo. A manifestación continuou despois polo centro da cidade, con paradas no edificio da Xunta en Campolongo, a Subdelegación do Goberno, o concello e a praza da Peregrina.

Este mércores arrincou con sorpresa para os pontevedreses que tiveron que coller o coche. Ao redor das oito da mañá os traballadores de ENCE comezaban unha nova mobilización. Facíano instalando barricadas de neumáticos ardendo nas principais vías, as que conectan a cidade con Vigo e Marín, provocando importantes retencións nos accesos á vila.

Pouco despois das 9 e media e xa a modo de manifestación avanzaron cara o centro da cidade. Dende os diferentes puntos desprazáronse ata chegar ao edificio da Xunta de Galicia en Campolongo.

Colectores envorcados, cortes de tráfico, petardos e berros de ‘Ence si. Paro non’, volveron protagonizar a multitudinaria marcha dos traballadores para defender a permanencia de ENCE en Lourizán. Dende a Xunta dirixíronse atravesando o centro da cidade ata a Subdelegación do Goberno.

A terceira parada dos manifestantes foi o concello de Pontevedra, na rúa Michelena. Alí volveron tirar papel hixiénico ás fiestras do edificio. A marcha rematou na praza da Peregrina.

Dende alí, os traballadores volveron sobre os seus pasos ata a fábrica de ENCE, en Lourizán.

Esta é a segunda mobilización que organizan en menos dunha semana. A anterior foi o pasado sábado, cando se manifestaron durante o pregón das Festas da Peregrina. Unha xornada na que se viviron momentos de gran tensión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí