A feira cabalar volverá a ser un dos pratos fortes da feira de San Marcos

NOIA> O concello de Noia presentou esta mañá o programa das festas de San Marcos que terán lugar do 25 ó 28 de abril. Como é tradición, un dos pratos fortes dos festexos volverá a ser a feira cabalar e de maquinaria agrícola que se desenvolverá o xoves 25 en San Lázaro.

A feira cabalar e da maquinaria agrícola é, sen dúbida, un dos principais atractivos das Festas de San Marcos. Cada ano son numerosas as persoas que se achegan o 25 de abril ata a vila para participar nas múltiples actividades organizadas ese día da man da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Ese día disputarase a dezaoito edición da Copa Galicia e realizaranse diversas exhibicións de doma e andadura,  así como os concursos morfolóxicos con importantes premios en metálico para tódalas categoría a concurso.

Outro dos atractivos deste ano será tamén a segunda edición da Ruta Cabalar de San Marcos, que terá lugar o domingo 28, coa que se persegue ademais reivindicar a ruta Portus Apostoli.

O Concello decidiu tamén aproveitar este ano para presentar o informe realizado para a solicitude da declaración desta festa coma de interese turístico galego.

Comments are closed.