PONTECESURES> Paralelamente ás mostras de dor nos concellos de orixe dos dous mozos, as autoridades españolas traballan agora para repatriar os cadáveres. Estímase que o procedemento pode prolongarse entre 7 e 9 días.
As xestións para repatriar os cadáveres da parella de Pontecesures dende Sri Lanka prolongaranse durante días.
María González e Alberto Chaves, de 32 e 31 anos, estaban de viaxe na zona no momento do ataque terrorista. El, natural de Rianxo, traballaba para a filial na India dunha empresa viguesa. Ela facíao en Padrón, na empresa familiar de confección e venda de roupa de traballo, e fora pasar con el as vacacións de Semana Santa. A parella atopábase almorzando no seu hotel cando se produciron os atentados.
A confirmación da tráxica nova chegaba onte ás familias, despois de identificar os cadáveres grazas ás súas tatuaxes.
A cadea de atentados do Domingo de Resurrección deixou 290 falecidos no país asiático.