O PSOE sae reforzado tamén no Salnés ao aglutinar o voto de esquerdas

SALNÉS> O Salnés non foi alleo á xornada histórica de eleccións que se viviu onte en toda España. Na comarca a tendencia foi semellante á do resto do estado: de media a participación superou o 70%, cun PSOE que sae reforzado ao aglutinar o voto de esquerdas. O Partido Popular, pola súa banda, perdeu máis de 7.300 electores.

7.170 votos máis para o Partido Socialista e 7.308 menos para o Partido Popular respecto dos comicios de 2016. Estas poderían ser as dúas cifras que mellor resumen a xornada electoral de onte na comarca do Salnés. Ao igual que no resto do Estado, a cidadanía mobilizouse, superando o 70% de participación en case todos os concellos salinienses.

En Vilagarcía, O Grove e A Illa, concellos que xa gobernan os socialistas, o crecemento da formación foi máis importante. Na capital comarcal, o PSOE acadou os 7.500 votantes; moi lonxe dun Partido Popular que superou lixeiramente os 5.100. Destacan as fortes entradas de Ciudadanos, que sumou 2.734 apoios e Vox, con 1.129.

No municipio meco destaca a caída do Partido Popular, que quedou incluso como terceira forza ao verse sobrepasado por En Común-Unidas Podemos. Mentres, na Illa os socialistas chegaron a duplicar os resultados do PP, con En Común-Unidas Podemos como terceiro partido máis votado.

Sanxenxo, Cambados, Vilanova, Meis e Meaño son os concellos nos que o Partido Popular conseguiu manterse como primeira forza, a pesares de que en todos eles a perda de votos para a formación conservadora foi moi importante. En todos os casos, o Partido Socialista posicionouse como segunda forza, seguido por Podemos.