VILAGARCÍA> O CIM de Vilagarcía organiza unhas xornadas de formación ante casos de violencia de xénero para policías. A iniciativa enmárcase dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do concello. Os obradoiros comezaron hoxe e rematarán mañá.
O Centro de Información á Muller do Concello de Vilagarcía está a organizar unhas xornadas formativas para policías baixo o nome A intervención policial ante a violencia de xénero: boas prácticas e retos.
O curso estase a realizar dentro da implantación dos fondos do Pacto de Estado repartidos ós concellos. A iniciativa xurdiu da Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero vilagarciá.
A primeira das poñentes foi María Debén, a responsable de Área de Igualdade do Goberno, e tratou sobre a situación da violencia de xénero na actualidade.
Dende o CIM de Vilagarcía móstranse preocupados polos datos actuais, especialmente entre a xente moza. Julia Becerra sinala á pornografía como a gran culpable de moitos dos comportamentos. Asegura que seguirán traballando tamén cos centros educativos para concienciar ós máis novos.