Chamamento dos traballadores de Nestlé para manifestarse este sábado contra o ERE na planta cesureña

PONTECESURES> Os traballadores de Nestlé en Pontecesures intensifican as súas protestas contra o ERE anunciado pola empresa. A compañía contempla o despedimento de 27 traballadores na planta cesureña, o 14% do persoal. Este venres, os traballadores participaron na mesa de negociación reivindicando que nesta factoría a carga de traballo non decaeu e que mesmo este verán teñen previsto a ampliación dos horarios aos sete días da semana. Para este sábado convocaron unha manifestación que atravesará o centro da vila.

Intenso calendario de mobilizacións dos traballadores de Nestlé contra o ERE na planta de Pontecesures. Este venres concentráronse durante dúas horas ás portas da compañía para amosarlle á dirección o seu rexeitamento ao despedimento de 27 compañeiros.

A concentración deste venres coincidiu no tempo coa primeira reunión da mesa de negociación.

De entrada piden salvar todos os postos ou, cando menos, minimizar o ERE ao máximo.

Dende o comité de empresa reivindican a actividade desta planta cesureña, na que mesmo no verán se vai ampliar os horarios aos sete días da semana.

Nesa liña, apuntan, mesmo en determinados períodos do ano falta persoal.

Para este sábado convocaron unha manifestación que atravesará Pontecesures. Fan un chamamento á veciñanza en xeral para que participe, porque Nestlé, lembran, é un dos grandes motores económicos da zona.

Ao mesmo tempo, agradecen o apoio do Concello de Pontecesures, así como doutros municipios próximos, como Valga, Catoira ou Padrón.