Pode busca apoios nos concellos do Salnés ao incremento das cotas de albariño

CAMBADOS> Cambados non respalda a moción de Cambados Pode para reclamar a suba dos cupos da uva albariña. Na última sesión o pleno non respaldou o texto da formación de José Ramón Abal que, segundo asegurou, vai dirixida a facilitar o camiño ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para consolidar este incremento. Máis sorte tivo no concello de Ribadumia, onde foi aprobada por unanimidade.

Cambados Pode non conseguiu ser profeta na súa terra. O último pleno botou abaixo a moción para reclamar ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas o incremento dos cupos de produción da uva albariña dos 12.000 quilos por hectárea actuais ata os 15.000.

Somos Cambados e BNG votaron en contra, mentres que Partido Socialista e PP optaron pola abstención. Diferente foi o escenario no concello de Ribadumia. O pleno tamén votou o texto de Cambados Pode, e aprobouse por unanimidade. A intención é levalo a máis municipios.

Aínda que consigan o apoio de máis concellos da comarca, en Cambados Pode son conscientes de que a última palabra recae no pleno do Consello Regulador. Segundo José Ramón Abal, non se trata dunha medida de presión.

José Ramón Abal insistiu en que este incremento non vai dirixido a reducir a calidade dos viños de Rías Baixas, e calcula que a suba tería un impacto de ata 4 millóns de euros na economía do Salnés.