Dez décimos da Lotaría Nacional promocionarán a Ruta do Pai Sarmiento

SANXENXO> Dez décimos da Lotaría Nacional difundirán imaxes da Ruta do Pai Sarmiento por toda España. Todos os xoves entre o 23 de maio ao 25 de xullo, os décimos de Lotarías do Estado suporán unha importante promoción para a comarca do Salnés. A acción é posible grazas á colaboración entre a Mancomunidade e o ente estatal.

O Salnés convirte a Lotaría Nacional nunha promoción dos seus recursos. Grazas a un acordo entre a Mancomunidade e Lotarías do Estado, todos os xoves entre o 23 de maio e o 25 de xullo poránse en circulación dez décimos que difundirán imaxes da Ruta do Pai Sarmiento.

De xeito semanal, os décimos recollerán algúns dos enclaves máis recoñecidos desta Ruta Xacobea, partindo dende Pontevedra ata chegar á Catedral de Santiago.

A proposta inicial da Mancomunidade fora o lanzamento dun décimo sobre a Ruta do Pai Sarmiento, pero finalmente o proxecto tivo unha gran acollida dende Lotarías do Estado, algo que os animou a lanzar esta completa serie.

Con esta acción, a Mancomunidade dá un importante salto no seu traballo para promocionar esta ruta cara Compostela.  Un Camiño que queren consolidar de cara o vindeiro Ano Xacobeo 2021.