A reivindicación e a festa protagonizarán o Día das Letras Galegas en Raxó

PONTEVEDRA> O Concello de Poio quere que o Día das Letras Galegas estea marcado pola festa, pero tamén, pola reivindicación. Por iso, a programación desta nova edición está deseñada co obxectivo de concienciar na importancia de manter vivo o noso idioma. Coma sempre, haberá unha carreira popular pola mañá e un acto de entrega de premios do Concurso Literario Xaime Illa pola tarde.

O Día das Letras Galegas xa non é soamente unha data festiva. No Concello de Poio, o 17 de maio é o día elixido para reivindicar a importancia do uso da lingua galega, especialmente, entre os mozos e mozas.

A programación deste ano está deseñada para concienciar á cidadanía no uso do galego. Por iso, dende a organización propoñen ao Concello de Poio a creación dun Plan de Normalización Lingüística Municipal.

Neste eido, a xornada das letras galegas terá dúas actividades destinadas a todos os públicos. A primeira será pola mañá, coa tradicional carreira popular pola lingua. Este ano, o evento forma parte do circuito de carreiras Poio Móvese, e os primeiros clasificados terán un agasallo moi especial.

O acto principal do Día das Letras Galegas será pola tarde coa entrega de premios do Concurso Literiario Xaime Illa, que se celebrará ás 19.00 horas no Peirao de Raxó. No evento haberá un faladoiro sobre “Lingua galega e Mocidade”, unha exhibición de celograffiti e unha actuación musical de rap en galego. Unha xornada perfecta para achegar o noso idioma a todos os públicos independentemente da súa idade.