Cambados dinamizará o seu mercado con actividades para os máis cativos e agasallos

CAMBADOS> A campaña “Quere o teu mercado” chega este sábado á praza de abastos de Cambados. A actividade estará dirixida aos máis cativos, que terán que debuxar a idea que teñen do mercado para despois decorar a súa fachada. No marco desta iniciativa da Xunta de Galicia tamén se repartirán agasallos entre os compradores.

Conquistar os que serán os compradores do futuro das prazas de abastos, é un dos obxectivos da actividade que acolle este sábado o mercado de Cambados. Está enmarcada na campaña da Xunta de Galicia “Quere o teu mercado” e vai dirixida aos máis cativos da vila.

A actividade desenvolverase no primeiro andar da praza, entre as 11 da mañá e a unha e media da tarde. Despois, a fachada do mercado decorarase cos debuxos que fagan os nenos.

A campaña tampouco esquece aos compradores do presente. Os praceiros repartirán agasallos entre os seus clientes.

“Quere o teu mercado” tamén funcionará nas redes sociais. Os usuarios que suban unha fotografía da praza ao seu perfil de Instagram e empreguen o hashtag #quereoteumercado serán agasallados pola Xunta con mandís e bolsas da campaña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí