Pontevedra será a sede do Campionato de España de Balonmán

PONTEVEDRA> Pontevedra volve a acoller un gran evento deportivo. Nesta ocasión, a cidade será a sede da fase Final do Campionato de España de Balonmán Cadete Masculino. O Club Cisne, anfitrión da cita, intentará mellorar o octavo posto conseguido o ano pasado.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva e o Pavillón Príncipe Felipe acollerán, dende mañá ata o domingo, a gran fase final do Campionato de España de Balonmán Cadete Masculino. Unha cita na que participarán 8 equipos e na que o Club Cisne intentará mellorar os resultados do ano pasado.

Os xogadores do Cisne non o terán doado, xa que terán que enfrontarse ao Barça, ao Madrid e ao Ademar.

E aínda que é difícil, os xogadores están ilusionados e preparados para esta gran cita.

As semifinais deste campionato serán o sábado pola tarde e as finais o domingo pola mañá. A entrega de premios será ás 14:15 horas no Pavillón Príncipe Felipe.