PONTEVEDRA> A executiva provincial do PSdeG en Pontevedra aprobou esta tarde por aclamación propoñer a Carmela Silva como presidenta da Deputación, cargo que ostenta na actualidade en funcións. Con todo, o debate sobre a fórmula de goberno quedou aprazada ata despois do 15 de xuño, día no que terán lugar a meirande parte dos plenos de investudura nos concellos. Os socialistas terán que decidir se apostan por reeditar un bipartido co BNG ou, pola contra, gobernar en solitario.
Carmela Silva podería volver a presidir a Deputación de Pontevedra. Así o propuxo esta tarde o secretario xeral do Partido Socialista tras a reunión que mantivo a Executiva Provincial da corporación.
Esta decisión terá que ser ratificada o vindeiro 17 de xuño polo comité provincial. Mentres, o Partido Socialista fixo esta tarde unha valoración dos resultados acadados o pasado 26 de maio. Uns resultados que situaron ao PSdeG como primeira forza na provincia.
O secretario xeral tamén quixo manifestar a intención do partido de dialogar coas diferentes corporacións de esquerda para conseguir un goberno progresista naqueles Concellos onde non se conseguiu a maioría absoluta.
O Partido Socialista aproveitou tamén a reunión para valorar a mala campaña que, segundo eles, realizaron os populares na provincia.
Os socialistas conseguiron 11 maiorías absolutas e 4 maiorías relativas alcanzando o 38% dos votos na provincia. Uns datos que, segundo o secretario xeral, foron froitos do traballo e do esforzo realizados nos últimos meses por todos os membros do partido.