Os candidatos de Poio acoden ás urnas

POIO> O pleno do concello de Poio compónse por 17 concelleiros. Na actualidade goberna Luciano Sobral, candidado do BNG con 7 concelleiros en coalición cos 3 do PSOE. O PP conta pola súa parte con 7 concelleiros na oposición. Nesta xornada electoral a candidata máis madrugadora no concello de Poio foi a socialista Chelo Besada, que votou ás 10:30 da mañá na antiga escola infantil de Tarrío, en Samieira. Besada conta con que o seu partido mellore os resultados e consigan máis dos 3 concelleiros actuais.

O seguinte en votar, ás 11 da mañá, foi o actual alcalde e candidato do BNG Luciano Sobral. Fíxoo no local social de Samieira. O nacionalista agarda que esta festa da democracia conte co maior número de participación posible e tamén que o seu partido acade mellores resultados.

Ás 11:30 foi a quenda do candidato do PP no concello de Poio. Ángel Moldes exerceu o seu dereito ao voto no colexio Isidora Riestra acompañado do seu pequeno Sebastián. Ao igual que os anteriores, Moldes agarda que a xornada deixe un alto nivel de participación.

En canto aos resultados idóneos para este 26 de maio, todos agardan o mesmo: conseguir o ansiado 9 que lles permitiría gobernar coa maioría absoluta en Poio.

13.681 veciñas e veciños están chamados a votar neste 26-M. Presentáronse 5 partidos: o Bloque Nacinalista Galego, o Partido Popular, o Partido Socialista, Movemento por Poio e Avante Poio. Esta noite decisiva coñeceremos o futuro polo que apostan dende este concello pontevedrés.

ACTUALIZACIÓN: Co 100% escrutado, Ángel Moldes logrou ser o candidato máis votado con 8 edís, insuficientes para gobernar sen apoios. Luciano Sobral perde dous edís e colócase como segunda forza con 5 concelleiros. Os socialistas, con Chelo Besada á fronte, manteñen os seus 3 representantes. Avante Poio irrompe na corporación municipal cunha acta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí