Telmo Martín sobe dous concelleiros e consegue a maioría en Sanxenxo

SANXENXO> Vilanova pero sobre todo Sanxenxo protagonizaron as boas novas para o Partido Popular. Gonzalo Durán mantén a maioría absoluta folgada repetindo os resultados do 2015. Pola súa banda, Telmo Martín dispara aos populares pasando de 8 a 10 e mantendo comodamente a alcaldía.

Telmo Martín non se concede nin un só día de tregua. Esta mañá xa comparecía para facer balance dos resultados da xornada electoral de onte. O PP sobe de 8 a 10 concelleiros, conseguindo a maioría absoluta para Martín e o seu equipo.

Deste xeito, os populares poderán gobernar sen SAL, que se convertera no seu socio de goberno despois de que Gonzalo Pita lle cedera a alcaldía a Telmo Martín hai dous anos. Sanxenxo Agrupación Liberal cae, pasando de 4 edís a 1. Para o rexedor en funcións, a campaña que levou a cabo o partido popular foi clave nestes resultados.

Martín xa ten obxectivos para esta nova tempada. Estar preparados para o verán é o que máis apremia, pero tamén a creación de emprego e de vivenda.

Polo demais, o PSdeG sobe de 1 a 3, o BNG perde un edil, quedando con dous representantes, e entra na corporación Ciudadanos, con Vanessa Rodríguez á fronte.

Vilanova é a outra maioría absoluta para o PP no Salnés. Gonzalo Durán renova os 10 concelleiros que conseguira no 2015. Tampouco hai cambios no resto de formacións, manténdose o PSdeG con 5 e BNG e Gañemos Vilanova cun edil cada unha.