A bandeira LGTBI no balcón do consistorio: primeira medida da nova alcaldesa socialista de Meis

O SALNÉS> Marta Giráldez foi elixida alcaldesa de Meis cos 5 votos a favor do seu grupo, o socilista, e o apoio do únido edil do BNG. A nova rexedora, a primeira da historia democrática da localidade que non é do PP quixo que o seu primeiro acto fose en defensa da diversidade, pendurando do balcón do consistorio a bandeira LGTBI. Giráldez marca tamén como prioritarios os servizos sociais.

Gonzalo Durán suma e segue en Vilanova. O popular xurou o seu cargo coa man sobre unha Biblia, despois de recibi-lo apoio dos 10 concelleiros do seu grupo. O rexedor leva no cargo dende o ano 95, sempre con maioría absoluta. Para os vindeiros catro anos tamén quere darlle prioridade á cuestión social.

Tamén con maioría absoluta foi envestido Telmo Martín en Sanxenxo. O popular, a pesar de contar con 10 dos 17 edís do Pleno, quixo tenderlle a man ás formacións da oposición.

En Ribadumia, ademais dos 8 votos dos Independentes, que contan con maioría absoluta, David Castro recibiu o apoio do único edil do PSdeG na corporación, que ata o de agora cogobernaba a localidade cos Independentes e Somos Ribadumia.

En Vilagarcía, por último, o socialista Alberto Varela tomou posesión do cargo recoñecendo a labor de todos os alcaldes e concelleiros que, nalgún momento, pasaron por Ravella. No seu discurso, o socialista, que vai gobernar con maioría absoluta nos vindeiros catro anos, marcou como prioridades, entre outras cuestións, a creación dun novo centro de saúde, o desdobramento da estrada a Pontevedra ou a aprobación do PXOM.